Á calor dos pequenos pasos.

Na Piteira fai caloriño. Aínda agora, que empeza a chegar o frio seco dos días sen chuvia en Galicia, na Piteira fai caloriño. Cando chega o primeiro neno, co seu pai, nai, avoa…cando entra pola porta a segunda familia…cando se van achegando os que tiñan a encarga de ler esa tarde, os que chegan coa presa de todos os días e por fin sentan no sofá (aínda que sexa naquel da dereita onde se che afunde todo o corpo e quedas nunha posición imposible de mellorar). Cando a Piteira se enche de ruido fai moita caloriña, pese a que a maior parte das veces nos esquecemos de encender a estufa.

A calor sae das ganas con que nos xuntamos, da forza dos nenos ao querer ler e compartir o lido, da ilusión coa que afrontamos cada actividade e do pracer de coñecer novos membros do noso Club.

Desta volta a calor sae dunha invitación, da invitación que recibiu leCRAs para participar no Culturgal. Nun encontro con clubs de lectura que se celebrará o vindeiro 1 de decembro e que para leCRAs supón a mellor das oportunidades para aprender e compartir.

Poderíamos darlle importancia ao feito de que estemos nós entre os sete clubs de lectura invitados de entre todos os que existen en Galicia, poderíamos darlle importancia á repercusión de participar nun evento desta categoría (o máis importante das industrias culturais do pais), ou poderíamos darlle importancia á oportunidade que supón poñer Dodro no mapa da cultura galega….mais queremos darlle importancia á posibilidade que temos de aprender, de falar, de escoitar e descubrir, de debater e de medrar.

Temos leña para rato, a fogata na Piteira segue quentando e aínda que o sofá se afunde un pouco, non deixa de ser dos sitios máis cómodos que coñecemos….

IMG-20130322-WA0017

Advertisements