Alborada dende a Biblioteca

Este ano recibimos a primeira luz do día das Letras Galegas na Biblioteca do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón, cunha participación extraordinaria, tanto de familias como dos invitados de luxo cos que contamos.

A partir das 21:00 horas comezou a encherse a Biblioteca e a noite comezou co espectáculo de sombras que para esta ocasión prepararon dúas profesionais da Escola Infantil de Dodro co título de O carballo Viaxeiro, tanto gustou que realizouse un pequeno taller de preparación de sombras e todos tiveron ocasión de ser protagonistas detrás da sábana.

_DSC0541

Ainda con ganas de historias chegou o prato forte da noite con Manuel Baleirón, premio Xerais 2012, que contou historias de pazos e princesas e laiou a figura de Rosalía de Castro, aínda que, sobre todo, atendeu todas as preguntas dos sempre participativos nenos de leCRAs.

_DSC0514

Chegou a hora da cea e entre todos púxose en común menú de bocatas, empanadas e tortillas que serviron para calmar a fame do estómago e deixaba o corpo preparado para escoitar contos ata a madrugada.

_DSC0551

E así seguiu a noite, de xeito espontáneo tanto nenos como familias ian escollendo contos da biblioteca que leian ou contaban para todos os presentes captando en cada letra a atención de todo o público. Houbo tempo tamén para a música co clarinete de Xiana ou a historia da Miñoca musicada por Martín e Daniel.

Pouco a pouco pequenos e grandes foron caendo acurrucados nos sacos de durmir e rodeados de libros, pasando unha noite inesquecible na que nos soños de cada un aparecia un anaco de cada historia contada, e que resultou a mellor forma de celebrar o día das nosas letras.

_DSC0647

Esta II edición da Noite na Biblioteca organizada por leCRAs, o club de lectura do CRA de Dodro, resultou un éxito e unha experiencia de encontro entre as familias, os libro e o pracer pola lectura que recordaremos durante moito tempo e que de seguro repetiremos dentro dun ano, porque non hai dous sen tres!!

Deixamos por aqui o enlace con todas as fotos desa noite: https://www.facebook.com/cradedodro?ref=tn_tnmn#!/media/set/?set=a.359773130801382.1073741827.100003060944669&type=3

Advertisements