E asi foi a Noite na Biblioteca….

O martes 16 as familias que participamos  desta fantástica aventura de leCRAs tivemos a  oportunidade de gozar dun serán especial na Biblioteca do Concello. Con ocasión do Dia das Letras Galegas organizamos a Noite na Biblioteca, unha sesión especial que comezou ás 20:00 horas e se alargou ata as 0:00, entrando xa no día a conmemorar.

Asistiron máis de 20 nenos e nenas de todas as idades equipados con pixamas e sacos de durmir e acompañados por país e nais que o pasaron igual de ben que os pequenos.

Comezou a sesión con Rocio, unha veciña de Manselle que se ofreceu para, coas súas boas artes, facer de contacontos. Foi todo un éxito, porque tanto pequenos como grandes disfrutaron coas aventuras do “Oso e o corvo” e “ A noite das mudanzas”. Como os máis pequenos empezaban a rebulir, animámolos a facer unha manualidade que representara  as historias escoitadas… e así foi como acadamos unha boa bandada de corvos. Para seguir a festa paramos un ratiño a cenar, montando un colorido pícnic na Biblioteca, unha imaxe do máis especial. Aínda quedaban gañas de máis e empezaron as familias a participar con diferentes lecturas: Un becho estraño, A tartaruga e o caracol….

Por ultimo e para homenaxear o día das Letras Galegas escollemos un poema de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro e todos os nenos atrevéronse cunha estrofa do poema Adios ríos, adios fontes!. Foi o mellor final para unha festa que, de seguro, terá máis edicións!!

Agradecemos especialmente a visita da profe Valle que chegou xusto a tempo cargadiña de patacas fritas e cruasans!!!